A XII Xornada Científica Realiter dedicarase nesta ocasión a “Terminoloxía e Normalización”. Normalización entendida nos dous sentidos que esta palabra posúe en varias linguas románicas, a saber, por un lado a extensión do uso da lingua naqueles contextos en que se considere preciso, e polo outro, á estandarización do corpus das linguas de especialidade.
Realiter, dende a súa creación, prestou atención prioritaria a estes dous significados, a promoción do multilingüismo e a diversidade lingüística e tamén ao desenvolvemento harmónico das linguas neolatinas.
Polo tanto as conferencias e os relatorios tratarán os temas seguintes:
– o lugar da terminoloxía nas diversas políticas lingüísticas;
– a contribución da terminoloxía ao sostemento da diversidade lingüística;
– a implantación da terminoloxía: políticas, experiencias, resultados;
– terminoloxía e estandarización;
– a estandarización e a variación terminolóxica;
– procedementos de estandarización.