Regulamento

 
O Regulamento de Realiter foi elaborado polos participantes da V Reunión de coordinación da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter), convocada en Niza os días 28 e 29 de xuño de 1996, e referendado en Río de Janeiro o 2 de xuño de 2006. Os devanditos participantes :

  • fieis ao espírito que animou o labor realizado pola Rede dende a súa creación en París, en decembro de 1993,
  • baseándose no documento preparatorio do presente Regulamento, Réseau panlatin de terminologie – Eléments de réflexion pour la rédaction de ses textes fondamentaux, presentado durante a III Reunión de coordinación que se celebrou en Lisboa, entre o 27 e o 29 de abril de 1995, e nos debates que esta orixinou,
  • considerando os cambios efectuados na versión preliminar do presente Regulamento polos participantes da IV Reunión de coordinación convocada en Barcelona, entre o 14 e o 16 de decembro de 1995,
  • de conformidade coas decisións tomadas durante as diferentes asembleas xerais da Rede dende a súa creación,
  • e de conformidade cos Principios metodolóxicos do traballo terminolóxico adoptados como resultado da IV Reunión de coordinación da Rede,

acordaron o seguinte Regulamento :

 
CAPÍTULO 1 : DENOMINACIÓNS OFICIAIS E SEDE
 
Artigo 1 : Denominacións oficiais

  1. As denominacións oficiais da Rede serán, na data da entrada en vigor do presente Regulamento, “Xarxa Panllatina de Terminologia”, “Red Panlatina de Terminología”, “Rede Panlatina de Terminologia”, “Rede Panlatina de Terminoloxía”, “Réseau panlatin de terminologie”, “Rete panlatina di terminologia” e “Reteaua Panlatina de Terminologie”. As grafías a que se fai referencia máis arriba respectaranse en todos os documentos que emanen da Rede.
  2. O acrónimo “Realiter”, con esa grafía, adoptarase como equivalente das denominacións oficiais da Rede e respectarase en todos os documentos que emanen da Rede.

Artigo 2 : Sede

 
A sede da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) será a da súa Secretaría.
 
CAPÍTULO 2 : FINS DA REDE
 
Artigo 3 : Propósito xeral
 
O propósito xeral da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) consistirá en favorecer o desenvolvemento harmonizado das linguas neolatinas, habida conta a súa orixe común, de que teñen recursos análogos en canto aos modos de formación léxica e que utilizan formantes semellantes.
 
Artigo 4 : Fins específicos
 
Os fins específicos da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) serán :

  1. Establecer principios metodolóxicos comúns aplicables á realización dos produtos elaborados conxuntamente,
  2. Levar a cabo investigacións en común e a creación de ferramentas que favorezan o desenvolvemento das linguas neolatinas,
  3. Levar a cabo traballos terminolóxicos multilingües en conxunto, en ámbitos de interese común e de utilidade para a sociedade,
  4. Poñer en común os materiais de referencia documentais,
  5. Favorecer a formación recíproca a través de intercambios de docentes, expertos, estudantes e material didáctico.

CAPÍTULO 3 : MEMBROS

 
Artigo 5 : Categorías de membros

  1. Os membros da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) serán individuos, chamados “membros individuais”, ou universidades públicas ou privadas, institucións ou servizos de titularidade pública, e outros organismos privados sen afán de lucro, chamados “membros institucionais”. A decisión acerca do carácter lucrativo ou non das institucións que desexen adherirse á Rede incumbirá ao Comité.
  2. Sexa en calidade de “membros individuais”, sexa en calidade de “membros institucionais”, os membros que en xeral non poidan ou non desexen participar nas reunións da Rede non poderán participar no Comité, coordinar un grupo de traballo nin ser nomeados responsables lingüísticos.

Artigo 6 : Requisitos de admisión

 
Sexa en calidade de “membro individual” ou de “membro institucional”, deberá cumprir cos seguintes requisitos :

  • levar a cabo unha actividade efectiva, seria e constante nas áreas da terminoloxía, a terminografía ou a planificación terminolóxica, en polo menos unha das linguas da Rede,
  • ser presentado por dous membros da Rede e admitido polo Comité, que resolverá en todas as súas reunións,
  • comprometerse a participar activamente nos traballos da Rede,
  • aceptar os principios metodolóxicos do traballo terminolóxico adoptados pola Rede,
  • aceptar o Regulamento.

A Secretaría verificará que as solicitudes de admisión cumpran estes requisitos antes de seren presentadas ao Comité.

 
Artigo 7 : Dereitos e obrigas dos membros

  1. Todos os membros individuais ou institucionais, incluíndo aqueles que non poden participar nas reunións, poden participar nas actividades e traballos da Rede.
  2. Todos os membros dispoñen dun voto, a condición de participar nunha Asemblea Xeral e de non perder o seu dereito de voto.
  3. O membro que non asista ás Asembleas Xerais tres veces consecutivas sen xustificación e que non participe en ningún proxecto perde o seu dereito a delegar o voto.
  4. Se un membro non pode exercer o seu dereito de voto persoalmente, e a condición de que participara nunha Asemblea Xeral, pode transferir este dereito a outro membro por procuración escrita ou electrónica.
  5. Un membro non pode recibir máis de dúas procuracións.
  6. Todos os membros, individuais ou institucionais, e a condición de que poidan participar nas Asembleas Xerais e nas reunións de coordinación, poden ser elixidos no Comité.
  7. Todos os membros, individuais ou institucionais, e a condición de que poidan participar nas Asembleas Xerais e nas reunións de coordinación, poden ser coordinadores de grupos de traballo.
  8. Todos os membros deberán realizar os informes que o Comité, o Secretario Xeral ou o coordinador do seu grupo de traballo consideren necesarios acerca das actividades que levan cabo dentro do marco da Rede.

Artigo 8 : Cesamento da calidade de membro

 
1. A calidade de membro cesará :

  • por retiro voluntario da Rede ; o interesado deberá facer constar o seu retiro por escrito, ante a Secretaría, con tres meses de antelación ;
  • por exclusión da Rede, decidida polo Comité. É preceptivo que o Comité, antes de decidir a -* exclusión dalgún membro, se poña en contacto con el para que poida dar as explicacións que xustifiquen a falta de comunicación coa Rede.

2. Consideraranse como causas abondas de exclusión :

  • o incumprimento reiterado de compromisos tomados no seo da Rede,
  • a non participación nalgún proxecto da Rede durante catro anos, co aviso previo aos dous e aos tres anos,
  • a ausencia de comunicación cos órganos da Rede, durante dous anos.
  • se é membro dun grupo de traballo e non correspondeu cos responsables ao longo dun ano.

3. O representante dun membro institucional pode solicitar ser membro individual sen máis formalidade que unha carta dirixida ao Comité se deixase de traballar na institución que representaba. Se forma parte do Comité, poderá continuar coa súa función ata o final do mandato para o cal foi elixido.

 
CAPÍTULO 4 : ACTIVIDADES
 
Artigo 9

  1. A Rede entenderá por “actividades” todas as actividades terminolóxicas que se propoñan satisfacer os fins establecidos máis arriba, no capítulo 2, que respondan ao principio de complementariedade das comunidades lingüísticas neolatinas e ofrezan solucións orixinais que só poderían lograrse nun marco plurilingüe.
  2. As actividades citadas no apartado anterior, lonxe de pretender superpoñerse ou substituír as das redes latinas existentes (Rifal, RITerm e Linmiter) ou futuras, poderán inspirarse nelas para enfrontar situacións vinculadas xa sexa coas comunidades de lingua neolatina que non estean representadas polas devanditas redes, ou co conxunto das comunidades de lingua neolatina.
  3. As actividades mencionadas no apartado 1 do presente artigo estarán enmarcadas nos Principios metodolóxicos do traballo terminolóxico adoptados pola Rede.
  4. As actividades mencionadas no apartado 1 do presente artigo deberán ser aprobadas pola Asemblea da Rede, de conformidade co artigo 12 do capítulo 5.

CAPÍTULO 5 : ESTRUTURA E FUNCIONAMENTO

 
Artigo 10 : Linguas

  1. A Rede actuará en pro das linguas neolatinas representadas no seu seo. Na data de entrada en vigor do presente Regulamento, estas linguas son o catalán, o español, o francés, o galego, o italiano, o portugués e o romanés.
  2. A Rede entenderá por “linguas” as súas linguas de comunicación interna e externa, e as súas linguas de traballo e preocupación.
  3. Tendo en conta a diversidade lingüística e xeográfica dos países representados na Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter), os traballos, reunións, decisións e demais modalidades de funcionamento da Rede deberán reflectir a mencionada diversidade lingüística e xeográfica, especialmente garantindo para todas as linguas e as súas variantes nacionais un trato igualitario en cada acontecemento da vida da Rede.
  4. Como corolario do principio definido no apartado 3, calquera membro da Rede ten o dereito de expresarse libremente na súa lingua ou de elixir calquera outra lingua entre as linguas da Rede. Iso aplicarase tanto ás reunións coma a todos os documentos que se destinen á Rede ou que emanen dela. O dereito dos membros a usar as linguas propias da rede foi un dos criterios que inspirou a creación de Realiter.

Artigo 11 : Órganos da Rede

 
1. Os Órganos de coordinación da Rede son :

  • a Asemblea,
  • o Comité,
  • a Secretaría,
  • o Secretario xeral
  • e os Grupos de traballo.

Artigo 12 : a Asemblea

 
1. A Asemblea estará constituída pola totalidade dos membros da Rede e desempeñará un papel consultivo no seo da Rede, fóra das súas atribucións específicas establecidas a continuación, no apartado 2. 2. Compete especialmente á Asemblea :

  • aprobar as actividades programadas pola Rede e propostas polo Comité,
  • elixir os membros do Comité,
  • nomear unha nova Secretaría a petición do Comité,
  • aprobar a elección dun novo Secretario Xeral a petición do Comité.

3. A Asemblea será convocada en Asemblea Xeral. Tamén poderá pronunciarse en resposta a unha consulta xeral a distancia iniciada polo Comité e enviada directamente por este ou por medio da Secretaría.

 
Artigo 13 : o Comité
 
1. O Comité estará integrado por polo menos dez membros : un por cada comunidade lingüística intracontinental (comunidades de fala catalá, galega, italiana e romanesa) e dous por cada comunidade lingüística intercontinental (comunidades de fala española, francesa e portuguesa). O Comité poderá eventualmente incluír outros membros, se o xulgase oportuno, en particular cando se trate da inserción dunha nova lingua. A elección dos membros do Comité deberá permitir que se teñan en conta as redes membros de Realiter. Se ningún membro do Comité representa as demais redes latinas de terminoloxía, un representante destas últimas será invitado a participar como observador nas reunións do Comité. O Secretario Xeral deberá pertencer ao Comité.
 
2. Os membros elixidos en función dun grupo lingüístico asumen a función de responsables lingüísticos da zona xeográfica para a que foron elixidos ; calquera desacordo ou dúbida sobre os aspectos lingüísticos dos traballos realizados pola Rede deberán ser presentados aos devanditos responsables. Esta función debe ser exercida en comunicación estreita cos outros membros da mesma lingua, na zona continental en cuestión. Igualmente, deben supervisar a calidade lingüística, na súa lingua e zona xeográfica, en toda publicación ou traballo da Rede antes da súa difusión..
 
3. Os membros do Comité serán elixidos pola Asemblea, por maioría simple, por un período de catro anos. Os membros do Comité poderán ser reelixidos.
 
4. O Comité será o órgano deliberativo da Rede. As decisións do Comité serán tomadas por maioría simple e producirán efecto sempre e cando se respecte un quórum da metade máis un dos membros do Comité. Ningún membro do Comité disporá do dereito de veto. O Comité poderá consultar a Asemblea para tomar certas decisións, xa sexa durante as Asembleas Xerais ou por consulta xeral a distancia. O Comité deberá obrigatoriamente consultar a Asemblea para nomear a unha nova Secretaría e para elixir un novo Secretario Xeral.
 
5. Correspóndelle especialmente ao Comité :

  • avaliar as actividades da Rede,
  • verificar se é preciso ou pedir a verificación da calidade lingüística dos traballos realizados polos diferentes grupos de traballo en función das súas capacidades con respecto á zona xeolingüística para a cal os responsables lingüísticos foron elixidos,
  • resolver sobre a constitución e disolución dun grupo de traballo ou sobre o lanzamento dunha nova actividade, a petición de calquera membro da Rede,
  • nomear un suplente para desempeñar unha función determinada da Rede, se un membro se atopase imposibilitado para seguir exercendo a devandita función,
  • resolver sobre a admisión de novos membros,
  • resolver sobre a exclusión dos membros.

6. Os membros do Comité terán a obriga de asistir ás Asembleas Xerais e ás reunións de coordinación da Rede. Os membros do Comité que estivesen ausentes de dúas reunións consecutivas quedarán excluídos automaticamente do Comité. Se o membro excluído exercía o rol de responsable lingüístico, deberá ser substituído por alguén da zona xeolingüística á cal representaba. Se o devandito membro fose ao mesmo tempo o Secretario Xeral, este cesaría automaticamente as súas funcións e os membros do Comité elixirían un novo Secretario Xeral que o substituiría ata o final do mandato en curso.

 
Artigo 14 : a Secretaría
 
1. A Secretaría será o órgano executivo da Rede, posto baixo a responsabilidade do Secretario Xeral. A Secretaría será exercida pola Unión Latina ata tanto os membros da Rede, reunidos en Asemblea Xeral, non tomen ningunha decisión en sentido contrario e sempre e cando a Unión Latina estea en condicións de desempeñar a devandita función. Tras o peche da Unión Latina a finais de xullo de 2012, a Secretaría cambia a súa sede. Segundo o artigo 2 do Regulamento —“A sede da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) é a da súa Secretaría”— ; a partir do día 1 de agosto de 2012 a nova sede de Realiter estará na Universidade Católica do Sagrado Corazón, en Milán, Italia.
 
2. Correspóndelle especialmente á Secretaría :

  • coordinar as actividades da Rede,
  • practicar os actos necesarios para a aplicación das decisións tomadas polo Comité e a Asemblea,
  • practicar os actos necesarios para o cumprimento do programa de actividades por parte dos membros interesados,
  • organizar as reunións da Rede, en colaboración coa institución designada en cada caso, e redactar ou reunir os documentos necesarios (orde do día, actas da reunión anterior, informe da Secretaría, informe financeiro, informe dos grupos de traballo, etc.) e facelos chegar aos membros da Rede polo menos un mes antes da Asemblea Xeral,
  • reunir e difundir as informacións internas da Rede entre os membros interesados,
  • garantir a correcta administración da conferencia electrónica e de calquera outra ferramenta de comunicación e difusión da Rede,
  • administrar os fondos da Rede e presentar un informe financeiro á Asemblea Xeral,
  • facer peticións de financiamento, en nome da Rede, ante os Estados representados no seo da Rede, organizacións internacionais ou mecenas privados,
  • asinar acordos de colaboración,
  • transmitir ao Comité as peticións de admisión,
  • manter actualizado un directorio dos membros da Rede.

3. A Secretaría terá a obriga de participar na totalidade das reunións da Rede e presentar un informe escrito das súas actividades ao Comité, polo menos un mes antes da data de realización de cada reunión da Rede.

 
4. Se a Unión Latina se vise obrigada a renunciar ao exercicio da Secretaría por calquera razón que sexa, as funcións propias do devandito órgano deberán ser desempeñadas en calquera caso por un membro institucional elixido polo Comité e aprobado pola Asemblea.
 
Artigo 15 : os Grupos de traballo
 
1. Cada grupo de traballo estará organizado por un coordinador e constituído en torno a unha actividade que este conducirá.
 
2. Cada membro da Rede terá o dereito de propoñer a constitución dun novo grupo de traballo en torno a unha actividade definida conforme aos apartados 1, 2 e 3 do artigo 9 do capítulo 4. Calquera proposición será formulada por escrito e sometida ao Comité, directamente ou por medio da Secretaría, polo menos un mes antes de cada reunión da Rede. A proposición faise por medio da ficha de presentación oficial de Realiter que comprende os seguintes elementos : obxectivos finais, metodoloxía proposta, os medios con que eventualmente se contará para poñer en marcha a actividade, nome do coordinador, nome dos membros da Rede que aceptaran participar no grupo de traballo e programa de tarefas. O Comité aceptará, rexeitará ou modificará a devandita proposición e en calquera caso solicitará a aprobación da Asemblea na Asemblea Xeral seguinte á proposición.
 
3. O coordinador de cada grupo de traballo terá a obriga de :

  • preparar un programa de tarefas anual para as actividades do grupo,
  • manter os contactos necesarios, no seo do grupo, para organizar e desenvolver as actividades deste,
  • verificar se é preciso que os responsables lingüísticos aprobaran a calidade da lingua do traballo presentado,
  • presentar un informe escrito das tarefas do grupo ao Comité, a petición do Secretario Xeral e indefectiblemente antes da difusión do resultado das devanditas tarefas, e someter o devandito informe á Secretaría polo menos un mes antes da Asemblea Xeral.

Artigo 16 : o Secretario Xeral

  1. O Secretario Xeral terá como misión principal representar a Rede e será responsable, ademais, de levar un seguimento das actividades da Secretaría. Estará autorizado para actuar en nome da Rede, en coordinación co Comité e a Secretaría.
  2. O Secretario Xeral será elixido cada catro anos polo Comité, do cal formará parte. A súa elección será aprobada pola Asemblea.
  3. O Secretario Xeral poderá ser reelixido.
  4. En caso de forza maior, o Secretario Xeral pode decidir que o membro do Comité da súa elección o substitúa nas súas funcións nunha Asemblea Xeral e unha reunión de coordinación ; terminada a dita reunión (ou reunións), o Secretario Xeral recupera as súas funcións.
  5. Se o Secretario Xeral non puidese exercer as súas funcións durante un período superior a seis meses, o Comité elixirá un novo Secretario Xeral para a súa substitución ata o final do mandato en curso.

Artigo 17 : Reunións

 
1. Convocaranse reunións regulares de dous tipos :

  • Asembleas Xerais, nas que poderán participar todos os membros da Rede,
  • reunións de coordinación, nas que poderán participar os membros do Comité, do representante ou os representantes da Secretaría.

2. A Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) fomentará a organización de reunións de carácter científico, abertas ás persoas interesadas pola terminoloxía que non formen parte da Rede. Co obxecto de limitar os gastos, as mencionadas reunións celebraranse en datas establecidas en función das Asembleas Xerais e das reunións de coordinación previstas pola Rede. Calquera membro da Rede terá o dereito de propoñer a convocatoria dunha reunión de carácter científico ; a decisión acerca da posible realización e pertinencia de tal reunión incumbirá ao Comité.

 
3. Deberá respectarse un equilibrio na elección dos lugares de reunión, con respecto á representatividade lingüística e xeográfica dos membros. Co obxecto de limitar os gastos, as viaxes programadas polos membros (por exemplo, as reunións da Rifal e de RITerm, os congresos de terminoloxía, etc.) deberán tomarse en conta para a elección das datas e os lugares de reunión.
 
4. As reunións serán convocadas polo Secretario Xeral, de común acordo co Comité, cunha anterioridade mínima de seis meses.
 
Artigo 18 : Financiamento e uso comercial dos traballos

  1. Os membros da Rede non pagan ningún tipo de cota.
  2. Os membros de Realiter están autorizados a reempregaren a título gratuíto os datos terminolóxicos obtidos grazas aos traballos terminolóxicos da Rede en produtos non comerciais, a condición de mencionar a fonte “Realiter”. Aínda cando se dea un uso comercial parcial aos traballos da Rede, esta deberá ser mencionada explicitamente.
  3. Calquera publicación dos traballos da Rede debe indicar de xeito visible unha das súas denominacións oficiais e o seu logo.

CAPÍTULO 6 : EMENDAS E DISOLUCIÓN

 
Artigo 19 : Modificacións

  1. Calquera emenda ao presente Regulamento deberá ser aprobada en Asemblea Xeral por maioría dos dous terzos dos membros presentes ou representados. Calquera proxecto de emenda ao Regulamento deberá ser comunicado ao Secretario Xeral e inscrito na orde do día da Asemblea Xeral seguinte, que deberá ser enviado á Asemblea polo menos dous meses antes da data da reunión.
  2. As emendas aprobadas entrarán en vigor inmediatamente.
  3. En caso de disolución, pronunciada polo menos polos dous terzos dos membros presentes ou representados na Asemblea Xeral, un ou máis membros será ou serán nomeados pola Asemblea para que establezan as modalidades de extinción das actividades en vías de realización e, se procede, a liquidación do activo da Rede.

CAPÍTULO 7 : ENTRADA EN VIGOR

 
Artigo 20 : Adopción

  1. O presente Regulamento deberá ser aprobado por maioría dos dous terzos dos membros presentes ou representados na V Reunión de coordinación da Rede Panlatina de Terminoloxía (Realiter) e referendado do mesmo xeito na súa VIII Asemblea Xeral.
  2. O presente Regulamento entrará en vigor despois da súa aprobación na Asemblea Xeral.

ANEXO

 
Recomendacións relativas ao seguimento dos proxectos de Realiter
 
Dado que existe un certo desequilibrio na realización dos proxectos segundo as linguas, e á vista das dificultades atopadas por certos coordinadores, os membros do Comité reunidos en Barcelona en maio de 2008 propoñen as recomendacións seguintes co obxectivo de mellorar o seguimento dos proxectos :

  1. en liñas xerais, e agás casos excepcionais autorizados polo Comité, calquera proxecto terá unha duración máxima de realización de tres anos ;
  2. o coordinador do grupo de traballo debe transmitir ao Comité calquera obstáculo que poida alterar a realización do proxecto ou os prazos previstos inicialmente ;
  3. o proxecto deberase considerar rematado nun prazo máximo de tres anos, aínda que falten unha ou varias linguas ;
  4. en caso de dificultade en materia de edición, o coordinador do proxecto deberá poñerse en contacto co Comité co fin de estudar posibilidades alternativas ;
  5. se nun proxecto determinado non está representada unha lingua, ou se habendo un representante este non pode cumprir coa súa tarefa, o coordinador do proxecto debe contactar co responsable lingüístico correspondente para atopar unha alternativa.